Prográmame-UDIS organízase por lapelas (pestanas) e sub-lapelas nas que se irán completando os diferentes apartados de cada documento. Moitas delas irán aparecendo a medida que se atopen compeltadas as lapelas anteriores, por exemplo nas UDIs-UDs non aparecerán certas lapelas ata que se teñan cuberto algunhas previas, tal como se explicará no apartado correspondente.
A lapela activa aparecerá marcada da mesma cor da caixa á que se corresponde. Tal como se pode ver, na última sub-lapela dalgunhas categorías será onde poderemos xerar os pdf e odt dos diferentes documentos.
Cada unha das diferentes zonas de traballo da aplicación (lapelas), ten asignada unha cor identificativa para poder localizar en cada intre en que parte da aplicación nos atopamos.
Sistema de autogardado dentro das lapelas e sub-lapelas:
Cando esteas traballando dentro da aplicación, en calquera das lapelas e as súas correspondente sub-lapelas, observarás como non é necesario que vaias premendo o botón ?gardar' senón que a propia aplicación garda os cambios automaticamente.
Este proceso de autogardado efectúase en canto a aplicación detecta que se deixou de teclear durante un segundo, alertando ó usuario deste proceso a través dunha pequena animación situada no mesmo lugar que se atopa a opción de gardado manual.
Ó lado da opción de gardar, nalgunhas partes da aplicación, amosarase tamén a última vez en que o contido foi gardado.
A opción de gardado manual pode empregarse sempre que se desexe, téñase gardado ou non de forma automática o contido.
A introdución de porcentaxes no perfil de área ten un tempo de reacción do auto-gardado do dobre de duración do resto da web, por petición dos usuarios.
É posible que con determinadas versións dos navegadores (sen actualizar) ou con sistemas operativos non actualizados, a función de autogardado non funcione correctamente polo que recomendamos probes primeiramente se co teu navegador funciona esta funcionalidade e que, en caso contrario, empregues a opción de gardado manual. O sistema de autogardado pode fallar de forma esporádica se existe un problema de conexión a internet, se ben debería alertar cun erro deste feito.
Para verificar se efectivamente se se gardaron os cambios, tan só terás que premer sobre a lapela ou sub-lapela na que te atopes para recargar o contido, deste xeito comprobarás se foron gardados ou non.
Sistema de copia de seguridade:
www.recursoseducativos.net efectúa copias de seguridade de tódalas aplicacións que contén, incluído obviamente PROGRÁMAME-UDIS, cada madrugada, almacenando sempre as últimas dez copias de seguridade, para garantir que non se perda ningún dato por un erro ou problema do servidor. Podes recuperalas desde a opción correspondente, alomenos dos 30 últimos días.
En todo caso recomendamos almacenar offline, no teu disco duro ou medio extraíble, as versións en pdf e odt dos documentos xerados pola aplicación, para maior seguridade.